top of page
Buscar
Mesa das Verbas

RITUAL DO MAGOSTO

de Ramón Quintáns

A derradeira luz do tempo galego da metade clara do ano esvaeceuse no lonxano poñente. O tempo da outra metade, a metade escura comezaba. Pouco a pouco a noite reclamaba o seu reino e con ela o novo ano despedía o xa pasado verán. O día grande do misterio fantasmal nacía. Fadas boas, bruxas, druídas, espíritos sen fin, camiñan polas corredoiras dos soños , dos contos das lareiras, dos bailes das lapas , e, por unha noite, reinará na onírica procesión dos defuntos a mítica crenza de que non hai morte. Así, cada entrada de ano , no día mais sinalado da mitoloxía galega, os que se foron volven; e nos din que eles no pasado, nós no presente e os que no futuro virán, somos o mesmo ser, antes , agora, dende sempre e para sempre. O máxico círculo da pedra féchase , somos principio e fin no mesmo punto. Prendamos pois dúas velas de benvida como agradecemento á visita e ao agarimo non esquecido do espírito.


POEMA DO POBO AGRICULTOR

Na vella lareira o baile das lapas esperta os recordos,

as candelas prendidas saúdan a noite daquel ano novo;

á noite esperada, á noite sagrada, á noite dos nosos.


O amor do lume, a ansia da espera e a soidade

puideron comigo, fecháronme os ollos ...


NEMBARGANTES


Escoito as conversas que hai no piorno

gabando a colleita;

e, abriuse o portelo que fechaba o forno

coa boroa xa feita.


Eu sei, que na noite dos soños que soño;

                        na noite galega, serea e calada,

                       para tapar o ceo e coller a nada,

                  eu tecín un manto de vento e de auga.


                Un manto adornado de flores de ausencias,

                    un manto tecido con miles de bágoas

                    caídas no medio do rezo e do pranto,

                   un manto que fixen nas noites amargas

                   soñando que tiña aos que se marcharon.


                 Deixade que soñe os soños que eu creo,

                  deixade que berre na noite ao silencio

                 e que diga ben alto; máis alto que o ceo

                      que vivo este día, o día galego,

                 que me comunica cos que xa non teño.


POEMA DO POBO MARIÑEIRO


O vento galego de mar ven cargado,

déixanos nas praias o sal e as escumas,

a música limpa, que fai nos piñeiros,

nos pide que abramos as casas a lúa.


E se as abrimos nesta noite máxica;

a música cesa, o vento se calma,

e nacen murmurios de xente que fala,

que tan só escoitan ouvidos da alma.


Ala no peirao, ao abrigo descansa,

sen ninguén que a mire, unha vella barca,

os remos caídos, as velas baixadas,

e un tenso cabo que ao ceo a amarra.


Fondea esta noite co rizón na nada,

os seus tripulantes márchanse co vento

seguindo un regueiro de flores e bágoas,

que os van guiando ata onde os chaman.


Cando abra o día e a vida renaza,

e marchen os nosos, o vento e a barca,

e eses antergos dos soños se vaian

nun berce un choro espertará ao pobo

e ao son do futuro, renacerá a calma.


EPÍLOGO


Máis aló dos límites dos recordos,

máis aló dos diarios viaxes dos rezos,

máis aló de saber quen somos,

vivimos a vida dos nosos ancestros.

Eles viven con nós cada día

cando se abre o arcón dos consellos

eles foron labrando na vida

o limpo camiño andado cos vellos.

ATENDE!

Si es quen de ouvir o silencio

e se queres ver cos ollos pechados

se soñas ca dita dun día atopalos...

MIRA !

En cada curruncho do lar añorado,

en calquera herba que nace na leira,

no tenue murmurio do vento no agro,

no lume que baila sen son na lareira,

no canto do río ao bater nas pedras,

na monotonía do eixo do carro,

na campá sonora que esperta a aldea...

ATENDE!

Se vives a vida que viven os soños;

se escoitas e miras, ti, atoparalos.


------------------------------------------------------------------------------------------------------------- Recitado a tres voces na presentación de Anaco 2. Introducción por Xermán Torres. Poema do pobo agricultor: Tere Briones.

Poema do pobo mariñeiro: Ramón Torrado e Epílogo: Ramón Quintáns.

23 visualizaciones0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


bottom of page