Vimos xa hai moito tempo defendendo que a cultura lle pertence ao pobo e que o pobo é o que crea a cultura. A cultura non é monopolio exclusivo das elites e dos que se creen co poder do saber, da ciencia e das artes. Hai que facer ao pobo protagonista da cultura, da creación. Toda persoa é potencialmente un creador, un artista. Hai que propiciar a expresión e a creación da xente do común. Esa é unha das pretensións da Mesa das Verbas, con ese fin foi posta en marcha. Para que a xente desfrute escribindo un poema, unha pequena narración, un texto dramático. Dar a oportunidade da creatividade e de gozar xuntos compartindo versos e verbas.
O Concello de Vilagarcía de Arousa por medio da Concellería de Cultura vén colaborando e patrocinando moitas das ideas da Mesa das Verbas, o que agradecemos de bo grado. Tamén a Deputación Provincial de Pontevedra, mediante Pontegal, vén colaborando con nós o que tamén nos inspira un sentimento de gratitude.
E nesa liña que viñamos comentando, o mércores 20 de novembro presentaremos Anaco II, a nosa revista que patrocina a súa publicación e edición o noso Concello, o acto será ás 21:00 h. do día xa citado no Salón García e contaremos coa colaboración musical de VOCES AMIGAS DE VILAGARCÍA.
TEMPO DE SOMBRAS
De súpeto o inverno vaise instalando;
as sombras da noite devoran as formas
e definen os corpos diúrnos
agora neboentos
...diluídos.
Os aceiros que comprimen o espazo
son biombos nipóns de escuridade e metal
con herbas en tinta chinesa
esvaecéndose co amencer,
herbas que se desfán
coma o outono xa vencido
polos soños de xeo e chuvia.
Son as sombras da invernía, amor,
as sombras que nos cobren.
Foise un gran escritor e xornalista, un dos nosos mellores poetas
(A Coruña, 7 de xullo do 1932 - 8 de outubro do 2019)
Conseguiu o Premio Nacional de Poesía no 2013, cunha obra en lingua galega Os ángulos da brasa (2012), estréase como poeta coa obra Memoria dun silencio (1982), obtén en 1995 o Premio Esquío co seu poemario Rigurosamente humano e tamén obtén o premio González Garcés e o premio da Crítica en 1999 con Luz de facer memoria. Foi un poeta moi valorado e o seu pasamento é unha gran perda para as nosas letras.
Encadrado no estilo culturalista, preocupado polo formal. El deixou escrito: “Escribo contra o mundo e en favor da Vida. Como poeta creo na utopía”.
Onde agroma a floresta, e o froito cumpre ó rito unha man inocente persevera, busca a curva perfecta do instante; quere perpetuarse na afirmación dun orbe, tocar a xema húmida e sagrada, cegar secretamente para ollar o centro do milagre que só así se afirma: a súa luz...
Asedio do violín nos interiores: prismas mornos de claustro e veladura, suavísima tormenta de bolboreta única; xardín de feno e edra e caracola e paxaro que nunca toca terra; alma quizais non nosa soando quedamente.
A música sen lindes; xa todo o tempo a música; xa todo asunto: incendio, tránsito adentro e bóveda e xuizo e bágoa e tacto, clima renacentista nas oxivas da umbría enfoscada de tarde. Salvándonos de ser esa outra cousa.
“(…) Disfrutou Galicia desde o amencer dos tempos históricos dunha conciencia orixinal. Esa conciencia pervive aínda hoxe. Ela inspirou os períodos vitais de Galicia. Os períodos calados, mortos significan un recollemento, un silencio da conciencia galega. O feito de que seguise existindo á espera de mellores tempos non dubidaremos en explicalo pola feliz e total adaptación da raza á terra. (…)"
Ramón Otero Pedrayo, Ensaio Histórico sobre a Cultura Galega. Vigo: Galaxia, 1982, 15.
Comments