Que grande acerto o dedicarlle o Día das Letras Galegas 2019 ao querido e sempre tenro D. Antón Fraguas, home “bo e xeneroso”, como recoñecía nun dos seus Adrais o seu amigo Xosé Filgueira Valverde. D. Antón foi querido profesor nos institutos da Estrada (en tempos da II República), de Lugo (1950-1959), “Rosalía de Castro” de Santiago de Compostela desde 1959 e ata a súa xubilación en 1975.
Profesor Auxiliar da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, cidade dos seus amores e cidade que tanto quixo a D. Antón, o Instituto de Ensino Secundario do barrio de Fontiñas leva o seu nome ao igual que unha rúa da cidade do Apóstolo, que lle entregou a súa medalla de Ouro. No cemiterio de Boisaca repousan os restos mortais de Fraguas a carón da tumba doutro eminente galego, Ramón María del Valle-Inclán.
Lembrado fundador e primeiro director do Museo do Pobo Galego (1976), eximio bibliotecario do Seminario de Estudos Galegos (1923.1936) e do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos. Extraordinario antropólogo e etnógrafo, xeógrafo e historiador; pero sobre todo unha grande e marabillosa persoa que tiven a sorte de coñecer e tratar, aínda que fose por pouco tempo, pouco; pero, intenso e do que gardo unha grata lembranza.
Quedáronme gravadas dúas manifestacións del, diante dunha miña pregunta, na que lle dicía que el que vivira tantos anos en distintas épocas e pasando tantas na vida, que destacaría de antes sobre os tempos de 1998?, el dicía que pensaba na honradez e no respecto á palabra dada.
E logo díxome, Xermán, nós como profesores deberamos traballar para que o alumnado dera o paso de estudantes a estudosos; os primeiros, estudan por obrigación, os segundos, polo pracer de saber, de descubrir, de coñecer. Que sabio era D. Antón!
NOSA SEÑORA DAS CABEZAS, EN A ARMENTEIRA
D. Antonio Fraguas realizou un gran labor como antropólogo e etnógrafo rescatando e describindo sobre grandes xoias da Antropoloxía Cultural de Galicia. A el debemos unha grande recolleita de cantigas, coplas, ditos, refráns, costumes, oficios da Nosa Terra.
Imos recoller, do seu traballo sobre “Romarías e Santuarios”, algunhas verbas súas sobre Nosa Señora das cabezas de Armenteira:
Tres Eros van xunguidos ós primeiros tempos do mosteiro: Ero de Armenteira, Ero de Armendáriz e San Ero de Armenteira, no ano 1151. É fermosa a lenda da fundación. O matrimonio posuidor das terra de Armenteira non tiña descendencia e acudiu á Virxe para conseguila. Despois de varias súplicas, unha noite, en soños, aparecéuselles a Virxe e díxolles que a súa descendencia sería espiritual; por iso debían fundar cadanseu mosteiro. (…).
A romaría celébrase o luns de Pascua e a ela acode xente de toda a comarca e persoas que veñen de máis lonxe. (…) Pero ademais celébranse diante de Nosa Señora das Cabezas bautizos e vodas.
Antonio Fraguas, Romarías e Santuarios (III), (Vigo: ACSA-Diario 16 de Galicia: 1992), 246, 248.
“Festexades hoxe a Fraguas como persoeiro compostelán. Ten gañado este título coa súa froitosa actividade. (…). Pero houbéralle bastado unha “ser como é”.
Tense ponderado moito que el, como García Alén ou como Xaquín Lorenzo, viven a “Antropoloxía cultural”, dende dentro. E coa xente labrega e mariñeira, cos veciños de máis alá dos milladoiros e cos artesáns e os tendeiros vilegos é un paisano máis. (…)
Antón Fraguas é un dos nosos mellores “homes bos”, “en el mejor sentido de la palabra, bueno”, como diría Machado, cunha bondade que xurde dun ánimo aberto, cordial, que inza na máis sincera relixiosidade, guiadoira das verbas agarimosas, dos feitos xenerosos… Fraguas é amigo de todos”.
Xosé Filgueira Valverde, “69. Antón Fraguas, medalla de ouro de Compostela” en VI – Adral, (A Coruña: do Castro: 1990), 312.
“A malignidade bébese parte do seu propio veleno”. (Séneca).
Comments